A Confraría de Pescadores San Martín foi beneficiaria dunha axuda económica de 14.960€, financiados con fondos propios da Comunidade Autónoma, para o proxecto de “Rexeneración dos bancos de marisqueo de pé: Vía Sur (San Marcos) e Correlo (Correlo Sur)”
Os obxectivos que buscamos acadar son, entre outros:
- Aumentar a biodiversidade ao complementar este proxecto outras accións realizadas nas zonas.
- Aumentar a presenza de bivalvos de valor comercial mediante sementeiras de ameixa xapónica.
- Aumentar a fixación natural de xuvenís de bivalvos comerciais ao rexenerar a zona.
- Aumentar as zonas de traballo do colectivo de marisqueo a pé, diminuíndo a presión extractiva.
- Mellorar as condicións de vida e traballo do colectivo marisqueiro.
Para acadar estes obxectivos precisamos:
- Mellora do substrato co fin de “soltar”, “airear” e “lavar” o sedimento, mellorando a granulometría (contendo menos finos), a estrutura do mesmo (substrato máis solto e menos apelmazado) e os parámetros químicos (osixenación, etc). Estas tarefas levaranse a cabo mediante un tractor propiedade da Confraría, e no caso da zona de Correlo, ao ser unha zona que queda máis tempo cuberta por auga, se é preciso, empregarase unha motobomba, tamén propiedade da confraría.
- Introducir ameixa xapónica (Ruditapes philippinarum) provinte de criadeiro, aumentando así a biodiversidade e produtividade. Pasado o tempo, cando a ameixa sementada acade un tamaño adecuado faranse rareos na mesma zona e introducirase ademais ameixa provinte de outros bancos, aumentando así o stock da zona.