A Confraría de Pescadores San Martín foi beneficiaria dunha axuda económica de 15.000€, financiados con fondos propios da Comunidade Autónoma, para o proxecto de “Rexeneración da zona marisqueira intermareal de San Marcos (AR-106-1)”
Os obxectivos xerais do proxecto son:
- Aumentar a biodiversidade ao complementar este proxecto os anteriores de reintroducción de ameixa babosa.
- Aumentar a presenza de bivalvos de valor comercial mediante sementeiras de ameixa xapónica.
- Aumentar a fixación natural de xuvenís de bivalvos comerciais ao rexenerar a zona.
- Aumentar as zonas de traballo do colectivo de marisqueo a pé da zona de O Grove, diminuíndo a presión extractiva.
- Mellorar as condicións de vida e traballo do colectivo marisqueiro.
Para acadar estes obxectivos precisamos:
- Mellora do substrato co fin de “soltar”, “airear” e “lavar” o sedimento, mellorando a granulometría (contendo menos finos), a estrutura do mesmo (substrato máis solto e menos apelmazado) e os parámetros químicos (osixenación, etc). Estas tarefas levaranse a cabo mediante un tractor propiedade da Confraría.
- Introducir ameixa xapónica (Ruditapes philippinarum) provinte de criadeiro, aumentando así a biodiversidade e produtividade. Pasado o tempo, cando a ameixa sementada acade un tamaño adecuado faranse rareos na mesma zona e introducirase ademais ameixa provinte de outros bancos, aumentando así o stock da zona.
Consideramos así que con todas estas accións contribuímos a acadar diferentes servizos ecosistémicos:
- De provisión de nutrición: proporcionando animais cultivados in situ.
- De regulación e mantemento de fluxo de materiais: as labores de marisqueo axudan a paliar os efectos de sedimentación.
- Mantemento das condicións físicas, químicas e biolóxicas: contribuíndo ao mantemento das condicións axeitadas do hábitat, controlando a expansión de especies invasoras, e mellorando as condicións do sedimento.
- De mantemento cultural: favorecendo o marisqueo como símbolo da cultura e a economía galega.
- De biodiversidade: mellorando a diversidade específica e mantendo a diversidade de hábitats existentes nas últimas décadas.